domingo, 5 de abril de 2020

Propostas de observación da natureza

Presentámosvos dúas propostas para aprender gozando do contacto coa natureza ben dende as xanelas, ben nos xardíns e zonas exteriores das vivendas.

A PRIMAVERA NON O SABÍA ...

Proposta que nos chega da man dos compis de infantil achegándonos este fermoso e emocionante vídeo para facer unha proposta. 

Nestes días nos que estamos encerrados nas nosas casas, aí fóra están a ocorrer un montón de cousas asombrosas: brótanlle as follas ás árbores, o campo énchese de flores, vemos voar bolboretas, oímos o canto dos paxaros, ... Xa chegou a primavera!

Que vos parece se compartimos o que máis nos guste ou impresione de todos esos cambios que están a acontecer na natureza? A través de fotos, vídeos, debuxos feitos por vós nos que a primavera e os cambios que trae sexan os protagonistas. 

Animámosvos a todos a participar!


AVES DENDE A CASA

A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Seo BirdLife, vén de poñer en marcha a acción #AvesDesdeCasa, unha iniciativa de sensibilización medioambiental para facer máis levadíos os días de confinamento polo COVID19. Deste xeito, a través desta acción proponse crear un caderno de campo co quea cativada poida debuxar as especies observadas dende a xanela. Para facilitar a observación, a institución provincial editou unha lámina ilustrada para coñecer as especies máis comúns que se poden observar nestas datas na provincia de Pontevedra.

Na lámina facilitada pola Deputación inclúense as especies máis habituais nestas datas como son os pardais comúns, as rulas turcas, gaivotas de patas amarelas, pombos torcaces, merlos comúns, paporrubios comúns, lavandeiras brancas, estorniños negros anduriñas comúns e cirrios comúns. Este caderno de campo, que debe incluír a data de observación, a hora, condicións climáticas e aves identificadas, pódese elaborar en familia, implicando ás nenas e nenos para que debuxen as especies observadas e as compartan a través de redes sociais empregando o hasthag #AvesDesdeCasa.

Se participades nalgunha das iniciativas e queredes ver as vosas aportacións publicadas neste blog, facédeas chegar á profe de lingua.

No hay comentarios:

Publicar un comentario